Estrella Galicia celebra mañá luns día 22 de outubro no Mercado LA GALICIANA de Santiago de Compostela o Campionato Galego de Tiraxe de Cervexa, certame Galicia Norte. Nove hostaleiros de diferentes puntos da provincia de Lugo e once da provincia da Coruña poñerán a proba as súas habilidades no servizo de cervexa fronte a un xurado de expertos.

Desenvolvemento previsto do evento

Hora de inicio do campionato:  9:30 horas

Hora da final do campionato: 11:15 horas

Hora de entrega de premios: 12:00 horas

Declaracións dos capitáns do  Monbús Obradoiro e do CB Breogán aos medios: 12:30 horas


A entrega de premios correrá a cargo dos xogadores do CB Breogán e do  Monbús Obradoiro nunha semana moi especial previa á celebración do derbi galego de baloncesto, unha cita histórica para todos os afeccionados. Asistirán Salva Arco e  Henk Norel do equipo lucense e Pepe Pozas e Andreas Obst do equipo local e todos eles terán a oportunidade de testar as súas habilidades fronte ás billas de Estrela Galicia, entregar os premios aos hostaleiros gañadores e atender aos medios brevemente tras o evento.  


Un total de 20 aspirantes terá a oportunidade de demostrar as súas habilidades no servizo de cervexa e cinco deles clasificaranse para a gran final galega que terá lugar a principios de 2019 e que lles enfrontará aos cinco finalistas do certame Galicia Sur que tivo lugar en Vigo o pasado 5 de xullo.


Xurado e premios


Integrado por expertos en  tiraxe, hostalería e gastronomía, o papel do xurado será o de valorar a calidade, eficacia e rapidez no servizo, así como os coñecementos sobre cultura cervexeira dos aspirantes ao título. Ademais, analizará e puntuará a actividade de cada participante, tendo en conta uns parámetros como o estilo, técnica e forma de tirar a cervexa, o acabado, a  cremosidade da escuma e limpeza, así como a súa presentación.


Os cinco finalistas recibirán un premio do seu peso en cervexa, e a dotación económica para o campión será de 300 euros e para o subcampión de 200 euros. Entregaranse tamén tres accésit de 150 euros cada un. Todos eles clasificaranse directamente para o Campionato galego a través do que tamén poderían acceder á gran final nacional de 2019.